Semana 9/15 decembro 2013
China Crisis -un dos paradigmas desa música Techno de tendencia durante tantos anos de século pasado- non é un grupo menor pola súa menor presenza na memoria colectiva das músicas dos anos oitenta.
O seu estilo elegante por simplista, efectivo por claro e emotivo por lírico dan a este xénero musical tan apreciado por moitos/as oitenteiros/as unha tonalidade especial e íntima.
Todo o que se queira dicir xa de Chuck Berry a estas alturas da súa película lexendaria pode soar oco e sen calado. Pero os que escoiten este tema instrumental, tan simple e tan fermosamente pintado con acordes e ‘pickings’ clásicos do estilo berriano, poderán voltar a soñar con que Chuck segue entre nós e ‘duckstepping all night long’.
Tan simple e asemade tan polícromo como o rockin’ boogie pode selo.
The Cranberries foron, e son, todo un furacán xurdido da marabillosa musicalidade desa Irlanda tan pequena pero tan grande musicalmente. Esa mestura entre a lírica naïve da voz de Dolores O’Riordan -non exenta da dureza necesaria para sobrevivir a ferocidade do mundo rock- e a potencia eléctrica e rítmica dos seus compañeiros Hogans e Lowler na súa exitosa aventura musical dende a última década do século XX.
Etiquetados de xeito variado -indie rock, alternative rock, celtic rock, dream pop, jangle pop e quen sabe que cousas máis- eles simplemente din que son “irlandeses en busca do acorde perdido no verdor da música popular”.
Importante: estas músicas son para o desfrute do espíritu musical de cada un, non para o desfrute das descargas compulsivas. Non se pode descargar nada. Se lle agrada a vostede algo, penso que debería mercalo.